Friday 10 de May de 2024

O concello renova o regulamento do arquivo de Riveira para adaptalo ás novas demandas da Administración Electrónica


A normativa municipal en vigor data de hai 20 anos

Dende o pasado xoves está en exposición pública o novo Regulamento do Arquivo Administrativo do Concello de Riveira: un documento que busca a modernización da ordenanza en vigor, que data do ano 1995, co fin de adaptala aos novos tempos e moi en especial á progresiva implantación da Administración Electrónica.

Neste senso, búscase harmonizar o novo texto normativo ás distintas disposicións xurídicas que lle son aplicables, particularmente á Lei de Transparencia e á Lei Orgánica de Protección de Datos e a Lei 7/2011 de Arquivos de Galicia. De igual xeito, préstase especial atención á tendencia reinante segundo a cal os documentos en papel están sendo paulatinamente suplantados por documentos electrónicos e, neste senso e sempre tendo como fin último a conservación patrimonial de documentos, a ordenanza regula tanto a documentación en papel, como a nacida electronicamente e a dixitalizada..

Así, a norma abarca todo o proceso dende que ten lugar o inicio dun trámite administrativo ata a súa resolución, regulando en base a criterios arquivísticos extremos como a custodia e conservación dos documentos, a súa organización ou o acceso e consulta de dita documentación por parte dos interesados, ben sexa de forma presencial ben por medios electrónicos, así como a súa reprodución. Tense en conta o disposto na nova Ordenanza de Participación Cidadá, que está tamén en fase de presentación de alegacións.

O regulamento aprobado inicialmente no pasado pleno consta de 50 artigos distribuídos en oito capítulos, ademais dunha serie de disposicións adicionais. Non obstante, está previsto que neste período de exposición pública se introduzan unha serie de cambios para facer máis accesible e menos farragoso a redacción do corpo normativo.